martes, 2 de abril de 2024

AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS/AS PARA A REPARACIÓN, A REHABILITACIÓN E/OU ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS 2024

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento VI420A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), as cales se tramitarán co código de procedemento VI420A.
2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións, con financiamento plurianual, para o exercicio económico de 2024.
3. A tramitación destas axudas tramítase polo procedemento de concorrencia competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto en cada convocatoria.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.
c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.
2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.