viernes, 30 de diciembre de 2022

SUBVENCIÓNS PARA O PROGRAMA DE MODERNIZACIÓN DO COMERCIO

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

ORDE do 23 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

Obxecto
O financiamento de proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable, dirixidos a impulsar o emprego das novas tecnoloxías no sector comercial.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.
As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que o establecemento comercial para o cal se solicita a axuda teña carácter físico e permanente e esté localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña ou comerciantes retallistas fóra dun establecemento comercial permanente, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que teña a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).
c) Que a actividade principal do negocio se corresponda con algunha das actividades incluídas nos códigos 46 ou 47 da Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009), aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009).
En todo caso, requirirase que a actividade principal estea dada de alta nalgunha epígrafe do imposto de actividades económicas que se corresponda coas actividades incluídas nos CNAE 46 ou 47, agás as epígrafes 616, 654 e 655, así como calquera outra actividade económica que non se considere subvencionable de acordo co disposto nestas bases reguladoras.
No caso de que no establecemento se exerzan de maneira simultánea actividades subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal (anexo III).
1.2. Liña de axudas destinada a asociacións de comerciantes.
As asociacións e federacións de comerciantes sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos intereses do sector comercial.
b) Que teñan a sede social e o ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que teñan unha antigüidade mínima de tres anos na data da publicación desta orde.
d) No caso de asociacións de ámbito municipal, que teñan o número mínimo de comercios asociados dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE establecidas na liña 1.1.c) deste artigo, en función da poboación do concello, que se indica a continuación:

Poboación concello                                       Mínimo comercios asociados

Menos de 5.000 habitantes                                           10

De 5.000 a 20.000 habitantes                                       20

Máis de 20.000 habitantes                                            50

En todo caso, o número de comercios asociados debe representar, como mínimo, o 40 % do número de socios da asociación.
e) No caso de federacións, que teñan ámbito provincial ou autonómico e teñan asociadas un mínimo de 15 asociacións de comerciantes que cumpran, ademais, os requisitos establecidos na letra d).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.