miércoles, 28 de diciembre de 2022

CONVOCATORIA PROBAS DE APTITUDE PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE XESTOR ADMINISTRATIVO

 VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, pola que se convocan as probas de aptitude para a obtención do título de xestor administrativo.

Solicitude
1. As persoas que desexen participar nas expresadas probas de aptitude presentarán a correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, conforme o modelo que consta no anexo III.
2. O impreso de solicitude será facilitado polo Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (rúa Durán Loriga, 2, 1º, 15003 A Coruña), e estará ao dispor dos interesados na páxina web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (www.ga-galicia.com).

Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, por calquera dos procedementos seguintes:
a) Presentación en soporte papel:
As solicitudes presentaranse na sede do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (rúa Durán Loriga, 2, 1º, 15003 A Coruña) ou nas súas delegacións de Lugo (rúa Bolaño Rivadeneira, 2, entreplanta, 27001 Lugo), Ourense (rúa do Concello, 14, entreplanta, 34003 Ourense), Pontevedra (rúa Blanco Porto, 9, 1º, 36001 Pontevedra) e Vigo (rúa Montero Ríos, 14, 1º, 36201 Vigo) ou a través das oficinas de Correos mediante envío certificado.
b) Presentación telemática:
As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través da páxina web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (www.ga-galicia.com).
Documentación complementaria e dereitos de exame
1. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
– Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento que acredite a identidade dos aspirantes.
– Xustificante de pagamento da cantidade de cen euros (100,00 €) en concepto de formación do expediente e dereitos de exame, ou documento xustificativo de exención do pagamento, de ser o caso.
O pagamento deberá formalizarse mediante ingreso en efectivo na conta corrente do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia que consta no modelo de solicitude, que deberá ser validada pola entidade bancaria mediante certificación mecánica ou, de ser o caso, mediante selo e sinatura autorizada dela, no espazo destinado para estes efectos.
A falta de acreditación do pagamento desta cantidade determinará a non admisión da persoa interesada ás probas de aptitude.
3. Procederase á devolución do 50 % das taxas en concepto de formación do expediente e dereitos de exame a quen se atope en calquera das seguintes circunstancias:
– As persoas con discapacidade ás cales se lles recoñeceu un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
– As persoas que se atopen en situación de desempregadas de longa duración.
– As familias numerosas.
– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante sentenza xudicial firme ou en virtude de resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.
Para acceder á devolución sinalada nos parágrafos anteriores son requisitos indispensables:
a) Probar documentalmente, no momento de presentación da instancia, estar comprendido dentro dun dos requisitos de devolución.
b) Terse presentado e realizado o exame o día da súa convocatoria.
c) Presentar solicitude de devolución dirixida ao Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia nun prazo de tres meses contados desde o día seguinte á data de realización do exame.

Requisitos
Para concorrer ás probas de aptitude, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da publicación da relación de aspirantes declarados «aptos», os seguintes requisitos:
a) Ser español, nacional dun Estado membro da Unión Europea, dos demais signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, ou dun país que conceda reciprocidade de títulos e dereitos. No caso de cidadáns doutros Estados, as persoas aspirantes deberán acreditar o permiso de residencia en España.
b) Ser maior de idade.
c) Non ser condenado a penas que inhabiliten para o exercicio de funcións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas no ámbito de ningún dos Estados membros da Unión Europea, dos demais signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou dos países cos cales que existan convenios de reciprocidade.
d) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos académicos:
– Licenciatura en Dereito, en Ciencias Económicas, en Ciencias Empresariais ou en Ciencias Políticas, de conformidade co artigo 6.e) do Decreto 424/1963, do 1 de marzo, de aprobación do Estatuto orgánico de xestor administrativo.
– Licenciatura no ámbito das Ciencias Económicas e Empresariais, do Dereito e das Ciencias Políticas que as sucederon no extinto Catálogo de títulos universitarios oficiais de España.
– Máster universitario implantado ao abeiro do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, adscrito á rama de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas e vinculado ao campo disciplinar dalgunha das licenciaturas requiridas polo estatuto orgánico.
– Titulación universitaria oficial obtida noutros Estados que acredite a súa equivalencia ao nivel MECES 3 e a súa homologación respecto a algunha das titulacións anteriores.

Desenvolvemento das probas
1. A realización das probas, que se anunciarán na forma sinalada na base 6.2, non poderá ter lugar antes de transcorridos dous meses desde a publicación da presente convocatoria.
2. As probas consistirán no desenvolvemento por escrito dos seguintes exercicios:
A) A resolución, por escrito, dun test consistente nun cuestionario de 100 preguntas baseado nas materias do programa, que estará composto por preguntas con respostas alternativas, das cales só unha é a correcta; valoraranse negativamente as contestacións erróneas. Valorarase cada resposta correcta en 0,10 puntos e cada resposta errónea restará 0,05 puntos.
B) Resolución dun suposto práctico, baseado nas áreas de coñecemento contidas no programa.
A duración máxima dos dous exercicios será de tres horas.
C) A tradución dun texto de castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous propostos polo tribunal.
O tempo máximo para a realización deste exercicio será de trinta minutos.
Estarán exentos da realización do exercicio de tradución os aspirantes que acrediten posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes o nivel de coñecemento de lingua galega equivalente ao Celga 3, de conformidade co disposto na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).