miércoles, 7 de diciembre de 2022

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE SUPERFICIES FORESTAIS PARA 2023

 CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 23 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR670B).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e convocalas para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670B).
2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado, por última vez, mediante a Decisión de execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021.
3. As axudas obxecto de subvención son as seguintes:
a) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo VIII desta orde (coníferas).
b) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo IX desta orde (frondosas).

Beneficiarias
1. Serán beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, e non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
2. Das axudas previstas nesta orde serán persoas beneficiarias as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os pro indivisos legalmente constituídos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, outras persoas xurídicas, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC), que cumpran o establecido no punto 1.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
5. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na alínea c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
7. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.