viernes, 2 de diciembre de 2022

SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN EMPRESAS TURÍSTICAS PARA 2023

 AXENCIA TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B).

Obxecto e réxime
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico. Están incluídas as seguintes tipoloxías: hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos. Quedarán excluídos os establecementos de aloxamento turístico que ocupen parcialmente un edificio.
2. As actuacións subvencionables deben cumprir cos requisitos específicos que se establecen para cada unha delas no anexo III da resolución e encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías:
a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).
b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios (tipoloxía 2).
c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).
3. As actuacións subvencionables deberán realizarse en edificacións existentes e construídas con anterioridade ao 1 de xaneiro 2007, sempre que sexan edificios completos cuxo uso sexa o aloxamento turístico: hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos.
4. As actuacións subvencionables deberán alcanzar as dúas seguintes condicións:
– Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida.
– A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2/m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A.
Para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar, e non é necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), sempre que teñan residencia fiscal en España, e se encadren nalgún dos seguintes colectivos:
a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de edificios existentes destinados a aloxamento turístico.
b) As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a aloxamento turístico, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente que lles outorgue facultade expresa para acometer as obras de reforma obxecto do Acordo do 29 de marzo de 2022.
2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán ter o seu domicilio fiscal e centro operativo permanente en España e mantelos, polo menos, durante o período de prestación das actividades obxecto da subvención.
4. Para que as persoas xurídicas de natureza privada sexan beneficiarias, deberán acreditar que se atopan debidamente constituídas, conforme á normativa que lles resulte de aplicación.
5. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria destas axudas:
a) Quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 21 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
b) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que para estes efectos se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).
c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por declararse axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigacións que lle viñesen atribuídas na concesión.

Prazo de presentación de solicitudes
As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o día 30 de marzo de 2023, salvo que con anterioridade se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección da axencia.