viernes, 13 de marzo de 2020

PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA 2020

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


Modalidades de premios
Establécense as seguintes modalidades de premios:
1. Premio galego de arquitectura 2020.
O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura 2020 entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou unha ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal.
Dotación económica: 6.000 €.
2. Premio galego de rehabilitación 2020.
O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación 2020 entre os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.
Dotación económica: 6.000 €.
3. Mencións.
Entre as actuacións que non obtivesen premio, poderán ser obxecto de mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
4. Premios especiais.
O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a seguir:
a) Á sustentabilidade 2020, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras.
Dotación económica: 6.000 €.
b) Á traxectoria profesional 2020, destinada a recoñecer a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura no territorio galego.
Dotación económica: 6.000 €.

Condicións dos proxectos e das persoas premiadas
1. Poderán optar aos premios, agás o especial á traxectoria profesional 2020, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de decembro de 2019.
2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.
3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional 2020 as persoas arquitectas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.

Presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2020
1. As entidades que, segundo a base quinta, teñan representación no xurado, poderán presentar candidaturas para os premios de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2020, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución.
2. A presentación das candidaturas realizarase electronicamente, a través da aplicación informática que, para estes efectos, figura na páxina web do IGVS, mediante o achegamento da seguinte documentación:
a) Autorización das persoas autoras dos proxectos á entidade propoñente para presentar a súa candidatura, así como o seu consentimento expreso ao IGVS para poder publicar, difundir e dar publicidade aos proxectos e ao material achegado coa proposta, segundo o modelo dispoñible na devandita aplicación. No suposto de que se presente conxuntamente un elevado número de candidaturas, estes anexos poderán substituírse por unha declaración responsable da entidade propoñente de que conta coas ditas autorizacións de todas as persoas autoras dos proxectos propostos.
b) Imaxes: admitirase un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato jpg, relativos ao correspondente proxecto.
c) Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.
d) Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.
e) Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos sobre o proxecto proposto.
f) Os proxectos que se presenten para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.
Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.
3. Cumpridas as formalidades anteriores, a aplicación informática xerará un documento resumo da documentación presentada, en formato pdf, que a entidade propoñente deberá achegar obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) correspondente ao procedemento VI490A, cuxo modelo se incorpora como anexo II.
4. Para a presentación das propostas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Se algunha das entidades presenta a documentación antes relacionada de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes supostos, considerarase como data de presentación da proposta aquela en que fose realizada a emenda, conforme o disposto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
6. As entidades propoñentes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o xurado poderá requirir a exhibición dos documentos orixinais para o seu cotexo coas copias electrónicas presentadas.
7. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados, que será publicada na páxina web do IGVS.
8. Os proxectos propostos poderán ser visualizados na ligazón que, para estes efectos, se dispoña na páxina web do IGVS.
9. A documentación presentada quedará á disposición da organización dos premios, que poderá utilizala para a súa difusión en calquera tipo de formato ou soporte.