jueves, 12 de marzo de 2020

BOLSAS DE FORMACIÓN EN MATERIA DE MUSEOS CORRESPONDENTES AO PROGRAMA 2020

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO


Obxecto
As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas con procesos técnicos que se realizan no ámbito dos museos e os seus fondos museográficos. As persoas bolseiras serán tuteladas, coordinadas e dirixidas polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Políticas Culturais.
As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Dispor da seguinte titulación:
a) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en museos, ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na cal se acredite un mínimo de 100 créditos nestas materias para cada unha das especialidades seguintes:
1º. Historia da arte.
2º. Arqueoloxía.
b) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en restauración de fondos de museos, ter grao ou diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:
1º. Arqueoloxía.
2º. Pintura ou escultura.
2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel de iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.
3. Non desfrutar destas bolsas con anterioridade á publicación da respectiva convocatoria de bolsas, nun período de tempo igual ou superior a doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de iniciado o período de vixencia.
4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionada/o por infracción cometida durante o desfrute dunha bolsa concedida para a formación en materia de museos.
6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude de bolsa para unha especialidade como máximo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.