martes, 11 de junio de 2019

SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento SI461A)

Obxecto
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral o social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Así mesmo, convócanse estas subvencións para a anualidade 2019.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
2. Para poderen acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e as condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.
3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, a entidade deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2017 ao Consello de Contas de Galicia.
5. Os concellos agrupados ou asociados terán en todo caso a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.
Os concellos integrantes da agrupación ou asociación nomearán unha persoa como representante única que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade, e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome da agrupación ou asociación.
6. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, individual ou conxunta con outros concellos. A inclusión dun concello nunha solicitude conxunta exclúe a posibilidade de presentar unha solicitude individual e de participar con outros concellos noutra solicitude.
No caso de se produciren solicitudes simultáneas, individuais e conxuntas, daráselle validez á solicitude conxunta. Nos supostos non previstos, o órgano instrutor poñerao de manifesto á entidade para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.
7. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 deste artigo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 3 meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.