miércoles, 26 de junio de 2019

SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA DE PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO EN GALICIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

ORDE do 7 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento TR332A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2019, das subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, co fin de facilitar ás ditas persoas os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral. Todas as persoas participantes nestes programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os programas integrados de emprego están destinados a atender 100 persoas desempregadas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 por cento das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.
De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios/as traballadores/as ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, por unha duración non inferior a seis meses.

Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados na orde:
a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este sempre que por si sós ou asociados, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2018 superior a 500 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.