miércoles, 26 de junio de 2019

SUBVENCIÓN DO PROGRAMA DE FOMENTO DE VIVENDAS PARA PERSOAS MAIORES E PERSOAS CON DISCAPACIDADE DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018-2021

INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con financiamento plurianual

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa para o fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade previstas no capítulo X do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitarán co código de procedemento VI432D.
2. A finalidade deste programa é o fomento da construción de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade, xunto coas instalacións e servizos comúns necesarios para ser explotadas en réxime de alugamento ou cesión de uso.
3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2019, con carácter plurianual.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público. Así mesmo, as entidades de dereito privado, as empresas públicas, privadas, público-privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.
b) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
2. As entidades beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.
4. No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
5. No suposto de concellos de Galicia, para ter a condición de beneficiarios será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme o artigo 208 e seguintes do texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

 Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG