lunes, 16 de febrero de 2015

SUBVENCIONS NO SECTOR COMERCIANTE RETALLISTA E ARTESANAL GALEGO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA


Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a mellora de imaxe, modernización, establecemento de novas fórmulas e medios de comercialización no sector comerciante retallista e artesanal galego.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000,00 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
3. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, así como as federacións de comerciantes e as asociacións profesionais de artesáns, que en todos os casos cumprirán ademais os seguintes requisitos:
a) Comerciantes retallistas:
– Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na Comunidade Autónoma.
– Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de dez (10) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.
– Que estea dado de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e que este constitúa a actividade principal do solicitante.
– Que figuren inscritos no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As seccións do Rexistro nas cales deberán inscribirse ou estar inscritos son:
Para comerciantes retallistas: procedemento IN227A-Sección primeira.
Para venda online: procedemento IN227C-Sección terceira.
Para venda ambulante: procedemento IN227D-Sección cuarta.
O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio polo órgano instrutor e en ningún caso a súa acreditación será motivo de requirimento.
b) Titulares de obradoiros artesanais:
– Que o obradoiro artesán figure inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
– Que fagan uso da marca «Artesanía de Galicia».
c) As federacións de comerciantes sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
– Que figuren inscritas no Rexistro Galego de Comercio, no procedemento IN227F-Sección sexta.
d) As asociacións profesionais de artesáns de Galicia legalmente constituídas.
– Que polo menos 10 dos seus membros figuren inscritos no Rexistro Galego de Artesanía.
Non poderán ser beneficiarios/as destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2 número 18 do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.06.2014, L 187/1).
Prazo de solicitude: ata o 11 de marzo de 2015.