lunes, 16 de febrero de 2015

SUBVENCION PROGRAMA REENCONTROS NA CASA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa Reencontros na Casa para o ano 2015, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.
As axudas consistirán no financiamento parcial do custo da viaxe desde os seus países de residencia ata Galicia e de retorno ao dito país, das persoas emigrantes galegas que carezan de recursos.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2015.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1.1. Ser emigrante galega.
1.2. Ter a nacionalidade española.
1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.
1.4. Ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.
1.6. Para ser persoas beneficiarias deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.
1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade con quen poidan residir durante a súa estadía en Galicia.
1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o ano desta convocatoria, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que conviven menos unha.
2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6, e acheguen a documentación xustificativa.
3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os fillos e as fillas de persoas emigrantes galegas que teñan a condición de persoa galega e cumpran os requisitos indicados nos puntos 1.2, 1.3, 1.4, 1.6, 1.7 e 1.8, e non teñan participado en programas de viaxes a Galicia da Secretaría Xeral da Emigración nos últimos 10 anos.
4. Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan coa persoa solicitante.
5. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.
Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.