viernes, 27 de febrero de 2015

SUBVENCIÓN A FESTIVAIS DE ARTES ESCÉNCIAS E DE MÚSICA

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto, 
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de calquera organismo dependente dela.
3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.
4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Beneficiarios
1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.
As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.
Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
De acordo co establecido no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, será requisito para a concesión de subvencións que as entidades locais cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.
2. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Agadic se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Prazo de solicitude: Ata o 27 de marzo de 2015.