viernes, 27 de febrero de 2015

CERTAME COOPERATIVISMO NO ENSINO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


 Finalidade
1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
2. Os centros educativos que desexen participar neste certame organizarán actividades divulgativas e formativas e poderán dispoñer, para este fin, de apoios técnicos a través do programa Cooperamos da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.
3. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.
4. Coa finalidade de impulsar a formación nos referidos valores e a súa aplicación práctica, pode procurarse a realización de actividades cooperativas por grupos de alumnos e alumnas.
5. Para incentivar a realización das actividades, establécense distintos premios aos cales poden optar os traballos realizados polo alumnado e profesorado.
Participantes
1. Poden participar no certame o alumnado e profesorado dos centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, segundo as modalidades e nos termos previstos nas presentes bases.
2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Modalidades
O alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia poderán presentar os traballos, para o fomento do cooperativismo, nas seguintes modalidades:
a) Debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria.
b) Actividades cooperativizadas dirixidas ao alumnado de educación secundaria obrigatoria.
c) Proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Prazo de presentación de solicitudes e traballos
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 15 de maio de 2015. Non obstante, se o período de presentación resultar inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Coas solicitudes deberá acompañarse a relación dos alumnos que participaron na elaboración dos traballos (anexo I continuación).