martes, 24 de febrero de 2015

AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL E PARA A REALIZACIÓN DE VIAXES POR RAZÓNS DE INTERESE SOCIAL, ASISTENCIAL OU HUMANITARIO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender
situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente, para evitar ou paliar situacións de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias, ao cumprir os requisitos establecidos nos artigos 3 e 4 e cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas axudas para o ano 2015.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:
1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto.
Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aqueles emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no padrón de residentes no exterior (PERE) ou no censo electoral de residentes no exterior (CERA).
Excepcionalmente, para o caso de teren que realizar unha viaxe as persoas ás cales se refire este punto e que non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.
2. Persoas cidadás galegas residentes en Galicia que sexan familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de persoas emigrantes galegas residentes no exterior, que teñan que desprazarse necesariamente xunto a estas por mor de que padezan situacións extraordinarias de emerxencia social.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de novembro de 2015, ambos dous incluídos.