jueves, 23 de junio de 2022

PROGRAMA REENCONTROS CO XACOBEO 2022

 VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros co Xacobeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código do procedemento PR926E).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Reencontros co Xacobeo, destinado a promover que persoas maiores de 65 anos vinculadas ás entidades galegas do exterior fomenten os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, de xeito que, unha vez vivida esta experiencia, poidan colaborar como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que as entidades teñen a súa sede (código de procedemento PR926E).
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria destas axudas para o ano 2022.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
2. Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.