viernes, 10 de junio de 2022

CONVOCATORIA DE PRAZAS DE RESIDENCIA PARA PERSOAS COLABORADORAS BOLSEIRAS

                                           CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 20 de maio de 2022 pola que se convocan prazas de residencia para persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2022/23 (código de procedemento ED308A).

Obxecto e ámbito de aplicación
1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e o procedemento (ED308A) para adxudicar prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2022/23.
2. O número de prazas ofertadas é o seguinte:
Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.
Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.
Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.
3. As persoas adxudicatarias de prazas de colaborador bolseiro utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta, durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.

Requisitos persoais e dispoñibilidade
1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:
a) Dezaoito anos cumpridos, ou facer esta idade dentro do ano natural 2022.
b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.
2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.

Requisitos académicos
1. A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2022/23.
2. Considéranse estudantes en réxime de dedicación académica a tempo completo os matriculados no número de créditos indicado a seguir:
a) Estudos de grao: 60 créditos.
b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.
Estes solicitantes terán preferencia na adxudicación de prazas.
3. Non obstante, as persoas solicitantes en situación de matrícula parcial poderán obter praza cando estean matriculadas no número mínimo indicado a seguir:
a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos.
b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % do créditos indicados no punto 2.b).

Incompatibilidades
1. As persoas beneficiarias de praza de colaboradora bolseira non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.
2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.
3. A condición de persoa beneficiaria será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante e implicará que acepta as bases da convocatoria, que reúne os requisitos exixidos nela e que son certos todos os datos que constan na solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario
O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 5 de agosto de 2022.