viernes, 10 de junio de 2022

PROGRAMA DE ADQUISICIÓN DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACIÓN EMPRESARIAL

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a convocatoria de 37 prazas, 25 para o estranxeiro e 12 para Galicia, para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Persoas beneficiarias
As persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1995.
2. Posuír a nacionalidade española e ser nacidas en Galicia, ser nacidas en Galicia e estar nacionalizadas nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.
3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de máster universitario de acordo co establecido no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización do ensino universitario e o procedemento de aseguramento da súa calidade: i. Título universitario oficial de graduada ou graduado español; ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivallan ao título de grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos.
4. Coñecementos de inglés (falado e escrito).
5. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.
6. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade ou lles fose determinado un incumprimento total.
7. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos do Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
8. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.