viernes, 10 de junio de 2022

PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2022

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 30 de maio de 2022 pola que se convocan os Premios da Cultura Galega para o ano 2022 (código de procedemento CT142A).

Convocatoria
Convócanse os Premios da Cultura Galega en todas as súas modalidades para o ano 2022 (código do procedemento CT142A).

1. Premio Cultura Galega de Letras.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada coa literatura galega, con méritos especiais ao desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción dunha linguaxe propia, na creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas, tanto nos soportes convencionais como nos virtuais e outras formas experimentais coa escrita, así como calquera outro aspecto que contribúa a fortalecer o sistema literario galego e a súa imaxe pública.

2. Premio Cultura Galega de Artes Visuais.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada ás artes visuais galegas, con méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo a partir de materiais convencionais ou de soportes virtuais e experimentais, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a enriquecer a creación plástica galega e a súa imaxe pública.

3. Premio Cultura Galega de Artes Escénicas.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria vinculada ás artes escénicas galegas meritoria en canto a recursos escénicos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creación de códigos de intercambio con outras sociedades e culturas ou calquera outro aspecto que contribúa a ampliar a representación escénica de Galicia e a súa imaxe pública. Nesta categoría terase en conta a obra realizada en soporte físico ou virtual, e incluiranse propostas teóricas ou proxectos de especial interese creativo ou innovador, que sirvan de referencia para a evolución escénica de Galicia.

4. Premio Cultura Galega de Música.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación ou á promoción da música galega. Valorarase especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

5. Premio Cultura Galega de Audiovisual.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á creación, á promoción ou á difusión da creación audiovisual galega, con méritos especiais no desenvolvemento de novos recursos e no plano expresivo, na construción de linguaxes propias e na capacidade de intercambio con outras sociedades e culturas.

6. Premio Cultura Galega de Lingua.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades de ampla traxectoria no ámbito da promoción da lingua galega. Valorarase o desenvolvemento de obras e de iniciativas destinadas a afianzar o uso e a valoración social do idioma propio de Galicia.

7. Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación.

8. Premio Cultura Galega de Proxección Exterior.
Dirixido a persoas, colectivos ou entidades con traxectoria vinculada á difusión cultural de Galicia no exterior, que contribúan a proxectar, dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.

Obxecto e contido dos premios
1. Concederase un único premio en cada unha das modalidades descritas no artigo anterior e non poderá recaer máis dun premio na mesma persoa ou entidade en modalidades distintas.
2. O premio consistirá nunha peza artística ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Candidaturas
1. Poderán ser candidatas as persoas, colectivos ou entidades que se distingan pola súa traxectoria vinculada ao obxecto da modalidade correspondente de acordo co sinalado no artigo 1.
Na data de formalización da candidatura as persoas propostas como candidatas teñen que estar vivas, e os colectivos e entidades obxecto das candidaturas deben ter actividade.
2. As candidaturas só poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, sen que os candidatos se poidan postular a si mesmos.

Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. É preceptivo engadir no formulario normalizado de solicitude (anexo I) da orde os méritos das candidaturas cunha xustificación de entre 15 e 20 liñas descritivas.