jueves, 9 de diciembre de 2021

SUBVENCIÓNS RELATIVAS AO PLAN DE TRANSICIÓN A UNHA MOBILIDADE EFICIENTE 2022

 AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan de transición a unha mobilidade eficiente, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (códigos de procedemento IN421T e IN421U).

Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a adquisición no ano 2022 de vehículos de transición a unha mobilidade eficiente por parte de persoas físicas e empresas que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.
2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes presentaranse a través dos concesionarios de automóbiles que actuarán como entidades colaboradoras.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os suxeitos que se enumeran a seguir:
a) As persoas físicas con residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
2. Non serán beneficiarios destas axudas:
a) Non poderán ser destinatarios últimos das axudas os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobada polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa o 615.1 ou 654.1.
b) Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) As empresas en crise están excluídas, excepto cando se trate de réximes de axudas destinados a reparar os prexuízos causados por determinados desastres naturais.
d) Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, no artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola e no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.
3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 15 de setembro de 2022 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 17 de xaneiro de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 30 de setembro de 2022 ou cando se esgoten os fondos.
3. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).