miércoles, 29 de diciembre de 2021

AXUDAS PARA PALIAR OS DANOS PRODUCIDOS POLO XABARIL NOS CULTIVOS AGRÍCOLAS PARA O ANO 2022

 CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

ORDE do 20 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MT809E).

Obxecto
Establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas afectadas polos danos causados nos seus cultivos agrícolas polo xabaril, coa finalidade de compensar estes danos, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

Persoas beneficiarias
a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.

Prazo de presentación de solicitudes
a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2021 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
b) Para os danos comunicados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 6 da orde.

Outros datos
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2021 ata o 10 de outubro de 2022.
No prazo máximo de tres días desde a produción dos danos en cultivos agrícolas, as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias, e os de autoconsumo deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mediante unha chamada, no horario hábil, ao teléfono 012, na cal se lles facilitará un código de identificación que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente.
O horario hábil de atención telefónica é desde as 8.00 ata as 20.00 horas, de luns a venres, e desde as 8.00 ata as 17.30, os sábados.