jueves, 9 de diciembre de 2021

LIÑA DE AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE INFRAESTRUTURAS COLABORATIVAS DE APOIO INDUSTRIAL

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2021 pola que se invitan as empresas e outros operadores económicos para que manifesten o seu interese en acceder a unha liña de axudas para a realización de infraestruturas colaborativas de apoio industrial.

Primeiro
Anunciar que o Igape está estudando a convocatoria de axudas dirixidas a que as empresas, especialmente as industriais, así como outros operadores económicos, poidan desenvolver as infraestruturas abertas e colaborativas que necesiten para mellorar a súa actividade económica e a do seu contorno.

Segundo
Sen prexuízo de restricións ou consideracións adicionais, prevese incardinar estas axudas no disposto no artigo 56 do Regulamento (UE) 651/2014, de exención por categorías, que establece os seguintes requirimentos:
1. As infraestruturas que se constrúan ou melloren deben contribuír a nivel local a mellorar a contorna das empresas e dos consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial.
2. Non serán aplicables a infraestruturas de investigación, de agrupacións empresariais innovadoras, sistemas urbanos de calefacción e refrixeración enerxeticamente eficientes, infraestruturas de enerxía, reciclaxe e reutilización de residuos, infraestruturas de banda larga, cultura e conservación do patrimonio, infraestruturas deportivas e recreativas multifuncionais, infraestruturas portuarias ou aeroportuarias.
3. As infraestruturas poñeranse á disposición dos usuarios interesados dunha forma aberta, transparente e non discriminatoria. O prezo que se cobre polo uso ou a venda das infraestruturas deberá corresponder ao prezo de mercado.
4. Calquera concesión ou outro tipo de atribución a terceiros para explotar as infraestruturas realizarase sobre unha base aberta, transparente e non discriminatoria, tendo debidamente en conta as normas de contratación pública aplicables.
5. Serán custos subvencionables os custos de investimento en activos materiais e inmateriais, excluídos custos de adquisición de solo. A intensidade da axuda podería chegar ata o 100 % destes custos, cos límites que se expresan nos seguintes puntos.
6. O importe da axuda non deberá exceder a diferenza entre os custos subvencionables e o beneficio de explotación do investimento.
7. Entenderase como beneficio de explotación a diferenza entre os ingresos actualizados e os custos de explotación actualizados mentres dure o investimento de que se trate, se esta diferenza é positiva.
8. Entenderase como custos de explotación custos de persoal, materiais, servizos contratados, comunicacións, enerxía, mantemento, alugueres ou administración, pero exclúense, para efectos do presente regulamento, os gastos de amortización e os custos de financiamento se se cubriron mediante axudas ao investimento.
9. A contía máxima por proxecto estipulada no regulamento chega ata os 10.000.000 € de axuda (e máximo 20.000.000 € de investimento), pero en función da dispoñibilidade de fondos e outras consideracións, poderanse establecer outros límites de custos máximos de infraestrutura equipada, por baixo destes límites regulamentarios.
10. Exclusión como beneficiarias da axuda ás empresas pertencentes ao sector da pesca e da acuicultura, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.
De todos os xeitos, a expresión de interese poderá referirse a infraestruturas que non encaixen nos parámetros do artigo 56, sempre que se xustifique a súa necesidade.

Terceiro
Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os operadores económicos que así o desexen poidan comunicar ao Igape propostas de proxectos que poderían impulsar e suxestións sobre o marco de axudas que poidan deseñar.
As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo desta resolución e deberán entregarse telematicamente ao Igape (Área de Competitividade) mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:
– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).
– http://tramita.igape.es (procedemento PE001.2017.1-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).

Cuarto
A participación neste proceso non implica para a Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Quinto
A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin preferencia ningunha respecto das convocatorias de subvencións que poidan ter lugar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Sexto
O Igape revisará as manifestacións de interese entregadas e poderá convocar os interesados co fin de obter máis información sobre as propostas.

Sétimo
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de tramitar este procedemento, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue para comprobar a exactitude destes, levar a cabo as actuacións administrativas que deriven e informar sobre o estado de tramitación. Así mesmo, os datos persoais incluiranse na Carpeta cidadá de cada persoa interesada para facilitar o acceso á información, tanto persoal como de carácter administrativo.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión realizada en interese público ou no exercicio de poderes públicos derivada dunha competencia legalmente atribuída ao responsable do tratamento, así como o cumprimento de obrigas legais impostas ao dito responsable (artigos 6.1, letras c) e e) do RXPD e 8 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais). En concreto, a competencia e as obrigas previstas nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, oposición, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos ou retirar, de ser o caso, o consentimento outorgado a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos