jueves, 30 de diciembre de 2021

AXUDA COMPLEMENTARIA Á DO PROGRAMA DE BONO DE ALUGUEIRO SOCIAL 2022

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social durante o ano 2022.

Obxecto e finalidade
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do programa do bono de alugueiro social.
2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do programa de bono de alugueiro social e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

Persoas beneficiarias e requisitos
1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa de bono de alugueiro social, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente á anualidade 2022.
2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiaria destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.
3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do programa do bono de alugueiro social cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Procedemento de concesión
1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.
2. A tramitación deste procedemento realizaraa a Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar ningunha solicitude.
3. Os datos necesarios para tramitar o procedemento son os que figuran no expediente do Programa do bono de alugueiro social.
4. A resolución de concesión específica da axuda complementaria será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
5. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Xustificación da subvención
A subvención xustificarase mediante a presentación, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, dunha declaración responsable en que a persoa beneficiaria indique que continúa residindo na vivenda alugada, a cal deberá ir dirixida á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda. Esta declaración responsable poderá presentarse por vía electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada ou en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pagamento da subvención
O pagamento da subvención complementaria será mensual e realizarase mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora que conste no expediente do bono de alugueiro social.