jueves, 9 de diciembre de 2021

CONVOCATORIA PROBAS DE CONSTATACIÓN DA CUALIFICACIÓN INICIAL DE CONDUTOR/A PROFESIONAL DE VEHÍCULOS DESTINADOS AO TRANSPORTE DE MERCADORÍAS OU DE VIAXEIROS/AS POR ESTRADA

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (códigos de procedemento IF310D/IF310E).

Convocatoria.
Convócanse para o ano 2022, as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución. Os procedementos asociados a esta norma son o de inscrición ás ditas probas (anexo I-IF310D) e o de devolución de taxas en relación á dita inscrición (anexo II-IF310E).

Calendario.
No ano 2022 realizaranse seis convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:


Convocatoría           Intervalo de celebración                                            Prazo de inscrición
1ª                              19.12.2021 a 9.2.2022                                            Desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 7.1.2022

2ª                              16.2.2022 a 6.4.2022                                   Desde o 8.1.2022 ata o 28.2.2022

3ª                              13.4.2022 a 11.5.2022                                 Desde o 1.3.2022 ata o 15.4.2022

4ª                              18.5.2022 a 27.7.2022                                 Desde o 16.4.2022 ata o 10.6.2022

5ª                              3.8.2022 a 12.10.2022                                 Desde o 11.6.2022 ata o 30.8.2022

6ª                             19.10.2022 a 14.12.2022                              Desde o 31.8.2022 ata o 31.10.2022

En atención á evolución da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, as anteriores datas poderán ser obxecto de ulterior modificación, incluso unificando a celebración de convocatorias de exame, información que sería obxecto de publicación na web oficial da Dirección Xeral de Mobilidade, sección de Formación, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

4. Inscrición.

4.1. Solicitudes.
a) As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica do Ministerio de Fomento. Con esta finalidade poderase acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, procedemento IF310D (anexo I), onde se amosará o enlace á sede electrónica do Ministerio de Fomento en que se deberá realizar a inscrición cubrindo os datos requiridos para tal efecto.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
b) As persoas aspirantes excluídas ou non admitidas á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, a través do procedemento IF310E, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.
c) As solicitudes de devolución de taxas (IF310E-anexo II) presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
d) Ao abeiro do establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, nos procedementos regulados nesta resolución é obrigatoria a presentación electrónica, tanto das solicitudes como da documentación complementaria, dada a necesidade de inscrición na sede electrónica do Ministerio de Fomento para a comprobación de requisitos de acceso ás probas en todo o territorio estatal e tendo en conta tamén que está dirixido a un colectivo profesional de transportistas de mercadorías e de viaxeiros que, para o exercicio de traballos asociados coa dita profesión, deberán dispoñer de medios para a tramitación electrónica, especialmente nos casos de traballo por conta propia, nos que xa resulta obrigatoria de acordo coa lexislación vixente.

4.2. Documentación complementaria.
A documentación complementaria do procedemento de inscrición ás probas (IF310D-anexo I) presentarase obrigatoriamente por vía electrónica, para o cal deberá achegarse na opción habilitada para tal efecto dentro da mesma aplicación do Ministerio de Fomento utilizada para a inscrición.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
A documentación complementaria que se deberá presentar será o impreso de liquidación das taxas, que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou poden recollerse nas Oficinas de Atención á Cidadanía e de Rexistro, polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
Deberase aboar unha taxa por cada unha das actividades mencionadas a que cada interesado se presente, e por cada convocatoria. O pagamento da taxa ten que realizarse durante o período de inscrición da correspondente convocatoria.
O ingreso da/das taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Os códigos que deberán cubrir nos impresos de autoliquidación son os seguintes:
Consellería: 06-Infraestruturas e Mobilidade.
Delegación: 13-Servizos Centrais.
Servizo: 02-Mobilidade.
Taxa: 310120-Inscrición nas probas para a obtención e/ou renovación da competencia profesional para a actividade de transporte, a cualificación profesional para a condución de determinados vehículos dedicados á actividade de transporte, e/ou cualificación como conselleiros de seguridade en transporte de mercadorías perigosas.

Na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tamén se dará información dos códigos que correspondan para cubrir os impresos de autoliquidación.