martes, 20 de julio de 2021

SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA PROGRAMAS DE DESEÑO E IMPLEMENTACIÓN DE ITINERARIOS PERSONALIZADOS E ACCIÓNS ESPECÍFICAS QUE FAVOREZAN A INSERCIÓN LABORAL DE MULLERES EN SITUACIÓN DE VIOLENCIA DE XÉNERO EN GALICIA

CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI451A).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para os anos 2021 e 2022, subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

Entidades beneficiarias
Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución e, de xeito particular, os seguintes:
• Carecer de ánimo de lucro.
• Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
• Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
• Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.