viernes, 2 de julio de 2021

BOLSAS DE FORMACIÓN I.G.V.S. PARA 2021

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2021 pola que se convocan as bolsas de formación para o ano 2021 (código de procedemento VI440D).

Obxecto e réxime de concesión das axudas.
1. Mediante a presente resolución convócanse dez bolsas de formación coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionados cos ámbitos de actuación deste organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica (código de procedemento VI440D).
2. As prazas que se convocan son as seguintes:
Seis bolsas para persoas con grao en Arquitectura ou con grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante.
Dúas bolsas para persoas con grao de Arquitectura Técnica.
Unha bolsa para persoas con grao en Dereito.
Unha bolsa para persoas con grao en Economía.
3. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de maña, de luns a venres, nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:
– Dúas persoas con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante, unha persoa con grao en Arquitectura Técnica, unha persoa con grao en Dereito e unha persoa con grao en Economía nos servizos centrais do IGVS, en Santiago de Compostela.
– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante e unha persoa con grao en Arquitectura Técnica na área provincial do IGVS da Coruña.
– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na área provincial do IGVS de Lugo.
– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na área provincial do IGVS de Ourense.
– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na área provincial do IGVS de Pontevedra.
4. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentaren a solicitude reúnan os seguintes requisitos:
– Ter rematado o grao exixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.
– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.
– Non ter sido con anterioridade beneficiario/a doutra bolsa de formación do IGVS.
– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.
– Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.