viernes, 9 de julio de 2021

PROGRAMA CHEQUES DIXITALIZACIÓN COVID-19

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de dixitalización para facer fronte á situación provocada pola COVID-19 (programa Cheques dixitalización COVID-19), susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG300E).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar proxectos que promovan a adaptación dos beneficiarios elixibles á situación creada pola COVID-19 mediante a implementación efectiva de tecnoloxías dixitais en calquera das seguintes categorías:
• Sistemas de control de presenza: cámaras, sensores, sistemas de check-in/check-out.
• Sistemas de control de capacidade: cámaras, sensores, sistemas en liña sobre catálogo diario (xestión de citas), xestión de colas.
• Sistemas de control de estado sanitarios: cámaras específicas, pulseiras.
• Sistemas de control de normas de calidade COVID-19.
• Sistemas e aplicacións de xestión baseados en Low code automation.
• Sistemas de catálogos diarios efémeros; sistemas de xestión de pedidos efémeros, notas de pedimento.
• Sistemas de cartelaría electrónica para mensaxes á clientela e de emisión de contidos en xeral.
• Sistemas de notificación en móbil; sistemas de xestión de contidos electrónicos para hostalaría (menús, cartas…).
• Sistemas de balizas.
• Automatización de procesos regulados, tarefas reguladas, pasos regulados pola COVID-19.
• Adaptación da presenza na internet para o efecto da COVID-19, mediante elementos como bots de conversación autónoma, integración de sistemas de comercio básicos, mellora do catálogo de produtos, solucións de atención remota, sistemas pick and go (compra en móbil e recollida en tenda) e outros similares.
• Solucións de conectividade e incorporación do teletraballo.
• Solucións de mellora da ciberseguridade.
• De maneira excepcional, outros que poidan axudar á dita adaptación, o cal se motivará na resolución de concesión.
Os proxectos deberán estar comprendidos entre os 1.500 € e os 12.000 € de gasto subvencionable, suxeitos aos límites entre partidas do artigo 5 das bases reguladoras.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades con centro de traballo en Galicia comprendidas nalgunha das seguintes categorías:
a) Pequenas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (inclúe autónomos que cumpran a condición de pequena empresa) que desenvolvan a súa actividade en calquera sector de servizos.
b) As seguintes entidades da economía social: sociedades cooperativas galegas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deben cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014. Quedan excluídas desta epígrafe as entidades dedicadas aos sectores da pesca e da acuicultura, regulados polo Regulamento (CE) 104/2000 do Consello, e as entidades dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.
c) Entidades do tecido asociativo empresarial e laboral, como poden ser asociacións empresariais, agrupacións industriais, colexios profesionais, asociacións sindicais ou cámaras. En calquera caso, estas entidades deben cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.