viernes, 16 de julio de 2021

AXUDAS 2021 ÁS ASOCIACIÓN DE PERSOAS CONSUMIDORAS DE GALICIA PARA ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN, FORMACIÓN E DIVULGACIÓN EN MATERIA DE SUBMINISTRACIÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA E COMERCIO ELECTRÓNICO SEGURO

INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2021 pola que se convoca e regula a concesión de axudas para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía eléctrica e comercio electrónico seguro (código de procedemento CO400B).

Obxecto e réxime das axudas
1. As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización por parte das asociacións de persoas consumidoras inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia dun programa de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía eléctrica e comercio electrónico seguro, coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.
2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de persoas consumidoras que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.
2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente as súas obrigas legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
3. Para que as asociacións poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.
4. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.
3. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.