viernes, 9 de julio de 2021

PROGRAMA DESEÑAPEME 2021

 AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3 e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas ao deseño da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de actividades incluídas no proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade, relativas ao deseño de produto, deseño de servizos/experiencias e deseño de marca e identidade corporativa, e estean aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as axudas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN848E). As axudas concedidas no marco da presente resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
2. Non poderán adquirir a condición de beneficiarias destas axudas:
a) As microempresas, pequenas e medianas empresas que xa resultaran beneficiarias do programa InnovaPeme nas resolucións de concesión do ano 2017 (Resolución do 11 de novembro de 2017, DOG núm. 232, do ano 2019 (Resolución do 29 de xullo de 2019, DOG núm. 153) e do ano 2020 (Resolución do 15 de setembro de 2020, DOG núm. 196).
b) As microempresas, pequenas e medianas empresas, que no momento da publicación desta resolución inclúan como rúbricas exclusivas da Clasificación Nacional de Actividades Económicas-CNAE-2009 algunha das seguintes:
• Sección J: información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: telecomunicacións; 62: programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática e 63: servizos de información.
c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.
d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración en que se integren.
e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teña creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
f) As microempresas, pequenas e medianas empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme e que, o 31 de decembro de 2019, non incorren en ningunha das circustancias enumeradas no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.
g) As microempresas, pequenas e medianas empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente logo dunha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
h) As microempresas, pequenas e medianas empresas en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.