jueves, 15 de marzo de 2018

PREMIOS DO DEPORTE GALEGO 2017

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


 Convocatoria e categorías
Convócanse os Premios do Deporte Galego do ano 2017, que serán concedidos nas seguintes categorías:
1. Premio á mellor deportista feminina.
2. Premio á mellor deportista feminina con discapacidade.
3. Premio ao mellor deportista masculino.
4. Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade.
5. Premio ao mellor equipo feminino.
6. Premio ao mellor equipo masculino.
7. Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade.
8. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base.
9. Premio ao/á mellor adestrador/a.
10. Premio ao/á mellor árbitro/a xuíz/a.
11. Premio ao mellor labor informativo.
12. Premio ao mellor evento deportivo.
13. Premio ao patrocinio deportivo.
14. Premio deportista revelación.
15. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter público destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.
16. Premio Galicia Saudable á entidade de carácter privado destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.
17. Premio Galicia Saudable á entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa.
Xunto a estas categorías, por proposta e por resolución do xurado, poderán outorgarse mencións especiais.
Presentación de candidaturas
1. Os propoñentes poderán presentar unha candidatura por categoría.
2. Poderán formular propostas as entidades deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos, así como calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicados na Comunidade Autónoma, os membros do xurado e as persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego, empregando o anexo dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte: http://deporte.xunta.gal/. A presentación de candidaturas implica a total aceptación desta resolución ou do resultado do xurado.
3. A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado para o procedemento PR004A (Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, seleccionando como destinataria a Presidencia e Secretaría Xeral para o Deporte.
4. Opcionalmente, poderanse presentar as candidaturas presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
6. As persoas interesadas só poderán optar por unha das vías de presentación.
7. O anexo para a presentación de candidaturas estará dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte http://deporte.xunta.gal/.
Prazo de presentación
O prazo para a presentación de candidaturas rematará aos dez días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución.