martes, 13 de marzo de 2018

CONVOCATORIA PROBAS OBTENCIÓN CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA, NIVEIS CELGA 1,2,3, E 4

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2018 (procedemento ED114A).

Persoas destinatarias
As persoas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras.

 Datas de realización das probas
Celga 4: 26 de maio de 2018.
Celga 2: 27 de maio de 2018.
Celga 3: 2 de xuño de 2018.
Celga 1: 3 de xuño de 2018.
Estas datas poderán mudarse por razóns de forza maior ou para a mellor administración das probas.
Se o número de aspirantes non permite a realización da totalidade das probas orais no día sinalado nesta resolución, a Comisión Central de Avaliación determinará o día ou días en que terá lugar a dita avaliación oral, que serán debidamente publicitados na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).
Presentación de solicitudes e prazo
1. As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo ED114A, que se publica como anexo I desta resolución, e aboar a taxa que se indica na convocatoria.
O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal. Deberán indicar nel a proba ou as probas ás cales solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
2. As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % que as imposibilite para acreditar algunha das destrezas comunicativas (comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita, expresión escrita) poderán solicitar a exención da realización da proba ou probas referidas a esas destrezas.
De ser necesario algún tipo de axuda para a realización das probas debido a unha discapacidade, a persoa indicará na súa solicitude o apoio concreto que precisa (lectura fácil –para persoas con discapacidade intelectual–, máis tempo, maior tamaño de letra...).
En todo caso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística valorará se o tipo de discapacidade alegado dá lugar á exención e/ou ao apoio solicitados.
3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada nos puntos sexto e sétimo será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, este entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Localidades onde se van realizar as probas e niveis
As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

Localidade                                        Nivel

Santiago de Compostela        Celga 1 Celga 2 Celga 3 Celga 4

Ponferrada                                  -       Celga 2 Celga 3 Celga 4