jueves, 31 de diciembre de 2015

SUBVENCIÓNS PARA A DINAMIZACIÓN DOS CENTROS COMERCIAIS ABERTOS E PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA E SE PR

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e réxime da subvención
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comercias abertos e prazas de abastos de Galicia.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
3. En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas, as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.
En función da súa especial natureza e, por teren unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2015 ata o 31 de decembro de 2015.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
1.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
1.2. As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os sos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1 e) e 3.1.2 e) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
1.3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.
Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada que deberá cumprir os seguintes requisitos:
– A unidade xerencial deberá ter contratada unha persoa física mediante un contrato laboral que en ningún caso poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno e que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, información e asesoramento aos comerciantes e dinamización do comercio.
– Prestar servizos de atención ás persoas usuarias un mínimo diario de 6 horas en horario comercial.
Estas unidades xerenciais poderán ser compartidas entre dous ou máis centros comerciais abertos.
Ademais, o CCA deberá cumprir polo menos catro dos seguintes cinco requisitos mínimos e, en todo caso, o establecido na letra c):
a) Estar en concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2015.
b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolve debe haber polo menos 100 comercios, os cales deberán compartir un sinal de identidade conxunto tanto a nivel urbanístico como comercial.
c) Contar como adheridos polo menos co 50 % dos comercios existentes na súa delimitación territorial.
d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.
e) Integrar os principais eixes comerciais da vila.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1).
Prazo de solicitude: ata o 1 de febreiro de 2016.