miércoles, 16 de diciembre de 2015

INDEMNIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE ANIMAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2016 (procedemento MR553C).
Persoas beneficiarias
1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas que sexan titulares:
a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por teren convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.
b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.
c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.
d) De aves sacrificadas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle.
e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana.
f) De animais que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.
g) De animais que morreron como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.
h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita control e erradicación de cada enfermidade.
2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
 Lugar e forma de presentación das solicitudes e da documentación complementaria
1. Para os formularios de solicitude:
a) As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
b) Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Para a documentación complementaria:
a) A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
b) A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
c) As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
d) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.