miércoles, 30 de diciembre de 2015

AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE XESTORES DE INTERNACIONALIZACIÓN

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA



Obxecto
Estas bases teñen como obxectivo facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización mediante prácticas en empresas ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización, poñendo á súa disposición profesionais con formación especializada, subvención para a súa contratación e titorización do xestor durante o período de contratación subvencionable. O resultado que se pretende con estas bases é que os mozos profesionais sigan contratados tras a súa participación neste programa na mesma empresa que recibiu a subvención ou noutras, grazas á experiencia práctica recibida.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que sexan sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.
b) Que teñan o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192. Este requisito non é necesario para empresas con diagnóstico positivo de potencial de internacionalización feito polo Igape no exercicio 2016 ou en exercicios anteriores.
d) Que teñan, na data de publicación destas bases no DOG e ata a data de liquidación da axuda destas bases, algún empregado por conta allea en Galicia distinto da contratación obxecto desta axuda.
e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 12 de febreiro de 2016.