miércoles, 30 de diciembre de 2015

PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO 2016

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


 Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.
2. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen ou se vaian formalizar desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037), sempre que, cumprindo as condicións establecidas, reúnan os seguintes requisitos:
– Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de setembro de 2016, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
– Non estar inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
– Non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarse desde a data de notificación de concesión da resolución da anterior subvención.
– Non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas traballadoras autónomas colaboradoras.
2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
3. Quedan excluídos deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.
b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.
d) Estar incursa a persoa física nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.
e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.
f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.
h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.
5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46º e 46º bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria, contidas nos números 4 e 5 anteriores, realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do Programa para a promoción do emprego autónomo será de dous meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Neste suposto, entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación desta orde. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.