jueves, 26 de junio de 2014

PROGRAMA DE PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE NA EMPRESA ORDINARIA E PROGRAMA DE EMPREGO NO MERCADO ORDINARIO DE TRABALLO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto
Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2014 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:
– Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (anexo A).
– Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (anexo B).
Persoas ou entidades beneficiarias das subvencións
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus anexos, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
 Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
Prazos de solicitude:
Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, serán os seguintes:
a) As solicitudes de axudas á contratación deberanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2014.
b) As solicitudes de axuda pola adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2014.
c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.
O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.