martes, 20 de mayo de 2025

SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO NO EXTERIOR 2025

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 8 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR803D).

Obxecto
Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (código de procedemento PR803D).
Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades (código de procedemento PR803D):
– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.
– As universidades do Sistema universitario galego e as súas entidades dependentes e centros de investigación públicos.
– As cooperativas, empresas e asociacións empresariais.
– As organizacións sindicais.
– Comunidades galegas no exterior.
– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerará agrupación de entidades a aquela que estea formada por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita entidade, ou aquela en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con aportes propios.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.