Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2025, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores galegas residentes en América o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares en Galicia, mediante un período de estadía en Galicia, entre os días 6 e 16 de outubro, e o desenvolvemento dun programa de actividades socioculturais. Co fin de reforzar os lazos familiares, prevese a posibilidade de que os participantes poidan prorrogar a súa estadía, pola súa conta, durante un período aproximado de quince (15) días máis.
As axudas incluirán o financiamento, total ou parcial, do custo dos desprazamentos de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia, a prestación dos servizos de aloxamento en réxime de pensión completa e as actividades programadas.
2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2025 (código de procedemento EM926G).
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha persoa emigrante galega.
b) Posuír a nacionalidade española.
c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2015-2025).
d) Ter 65 anos o 6 de outubro de 2025.
e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2020 en diante.
f) Acreditar que se vale por si mesma para realizar as actividades básicas da vida diaria, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, estar en boas condicións físicas para realizar unha viaxe de longa duración e para realizar actividades lúdicas e saídas culturais en autocar polo contorno.
g) Os solicitantes que opten a unha das prazas financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración terán que acreditar que carecen de ingresos suficientes. Considéranse como tales os que superen a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe da base de cálculo da prestación por razón de necesidade que o Goberno español determine para o ano 2025 para cada país ou, no caso de que convivan con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
O resto das persoas solicitantes deben optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria e aboar, no prazo de dez días contados a partir da publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 600 € á empresa adxudicataria do servizo dos desprazamentos internacionais.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.