martes, 20 de mayo de 2025

AXUDAS A CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO CO FIN DE PROMOVER A INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE E DO PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN E ÁS SÚAS ENTIDADES PROMOTORAS 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a centros especiais de emprego co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e do programa de incentivos ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N, TR341M, TR341V, TR356A e TR356C).

Obxecto
Programa I.
O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e de seguridade social a cargo da empresa derivados da contratación indefinida das persoas traballadoras das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE, previstas no artigo 43 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, como instrumentos de modernización destes servizos de axuste.
Programa II.
O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.
Programa III.
O obxecto deste programa é axudar os CEE para financiar o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Programa IV.
Este programa ten por obxecto subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 60 desta orde.
Programa V.
Este programa ten por obxecto compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social.

Persoas beneficiarias
Programas I, II e III.
Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren rexistrados como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda. Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito decreto; para os efectos desta subvención, admitiranse os centros de traballo que presentasen a solicitude ao rexistro competente para outorgar a autorización administrativa.
Para seren beneficiarios das subvencións que se regulan no Programa I, os CEE da Comunidade Autónoma de Galicia deben cumprir, ademais, os seguintes requisitos:
a) Que formen parte do seu cadro de persoal as persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.2, letras a) e b), desta orde. No caso de contratos a tempo parcial, deberán subscribirse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional que teñan a composición establecida no artigo 39 desta orde. Para seren subvencionables, os contratos das persoas que formen parte da unidade de apoio deben cumprir coa legalidade vixente e ser indefinidos. Ademais, a prestación de traballo mínima subvencionable é de seis (6) meses. No caso de contratos a tempo parcial, deberán subscribirrse por un mínimo do 25 % da xornada a tempo completo.
Programas IV e V.
As entidades promotoras de empresas de inserción e as empresas de inserción rexistradas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.
Neste sentido, será válida a cualificación provisional. Con todo, se no momento da xustificación e/ou pagamento a cualificación provisional queda sen efecto e a entidade non obtén a cualificación definitiva, procederá a revogación das subvencións concedidas, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para os programas I, II e III será dun mes, contado desde o oitavo día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes para os programas IV e V será desde o oitavo día hábil ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro de 2025.