viernes, 15 de septiembre de 2023

EMERXENCIA CINEXÉTICA TEMPORAL POLOS DANOS OCASIONADOS POLO XABARIL

 VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2023, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se declara a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas comarcas dos Ancares, Chantada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, A Mariña Oriental, Sarria, Terra Chá e Terra de Lemos.

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a emerxencia cinexética temporal nas comarcas sinaladas no anexo I desta resolución en que se inclúen os tecores e zonas libres indicados no anexo II, debido ás circunstancias especiais derivadas dos danos á agricultura, ao perigo de accidentes de tráfico e previsibles riscos ambientais ocasionados polo xabaril, coa finalidade de axilizar a aplicación de medidas conducentes ao control das poboacións desta especie, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Segundo. A vixencia desta declaración de emerxencia cinexética temporal estenderase desde a entrada en vigor da presente resolución ata o 25.2.2024, abranguendo o período hábil de caza establecido para o xabaril no artigo 16.2 da Resolución do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.


Terceiro. Durante a vixencia da declaración de emerxencia cinexética temporal, nas comarcas incluídas no anexo I poderanse adoptar as medidas que se relacionan a continuación para o control da poboación de xabaril, e permitirase abater ou capturar sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas en todas as súas idades. Nestas zonas permitirase, así mesmo, abater crías e femias seguidas de crías, logo de autorización especial da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 13/2013, do 23 de decembro.