martes, 30 de mayo de 2023

SUBVENCIÓNS PARA O PROGRAMA DE MODERNIZACIÓN DO COMERCIO: FONDO TECNOLÓXICO

VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

ORDE do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

Obxecto
O financiamento de proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable dirixidos a impulsar o emprego das novas tecnoloxías no sector comercial.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.
As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que o establecemento comercial para o cal se solicita a axuda teña carácter físico e permanente e estea localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña ou comerciantes ao retallo fóra dun establecemento comercial permanente, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia. As páxinas web deberán cumprir os requisitos que figuran no anexo XIII da orde.
b) Que teña a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).
Para a consideración de pequena e mediana empresa observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L 124/36, do 20 de maio de 2003).
c) Que a actividade principal do negocio se corresponda con algunha das actividades incluídas nos códigos 46 ou 47 da Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009).
En todo caso, requirirase que a actividade principal estea dada de alta nalgunha epígrafe do imposto de actividades económicas que se corresponda coas actividades incluídas nos CNAE 46 ou 47, agás as epígrafes 616, 654 e 655 así como calquera outra actividade económica que non se considere subvencionable de acordo co disposto nestas bases reguladoras.
No caso de que no establecemento se exerzan de maneira simultánea actividades subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal.
1.2. Liña de axudas destinada a asociacións de comerciantes.
As asociacións e federacións de comerciantes sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos intereses do sector comercial.
b) Que teñan a sede social e ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que teñan unha antigüidade mínima de tres anos na data da publicación desta orde.
d) No caso de asociacións de ámbito municipal, que teñan o número mínimo de comercios asociados dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE establecidas na liña 1.1.c) deste artigo, en función da poboación do concello, que se indica a continuación:
Poboación concello                                         Mínimo comercios asociados
Menos de 5.000 habitantes                                                 10
De 5.000 a 20.000 habitantes                                             20
Máis de 20.000 habitantes                                                  50
En todo caso, o número de comercios asociados debe representar, como mínimo, o 40 % do número de socios da asociación.
No caso de federacións, que teñan ámbito provincial ou autonómico e teñan asociadas un mínimo de 15 asociacións de comerciantes que cumpran, ademais, os requisitos establecidos na letra d).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.