lunes, 29 de mayo de 2023

SUBVENCIÓNS PARA A ACELERACIÓN CULTURAL NO ÁMBITO DAS ARTES ESCÉNICAS 2023

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207O).

Finalidade
A aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos, as pemes e as microempresas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) A actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.
b) Que conten cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
c) Estar dadas de alta nas correspondentes epígrafes do imposto de actividades económicas e ter un obxecto ou fin social acorde con algún dos subsectores que compoñen as industrias culturais e creativas en Galicia no ámbito das artes escénicas. Para os efectos destas bases, o ámbito das artes escénicas queda restrinxido ás disciplinas de teatro, en calquera das súas manifestacións, de danza e artes do movemento, de circo e de maxia.
2. Ademais, para seren persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren persoas beneficiarias da axuda, e cumpriren as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.