lunes, 8 de mayo de 2023

AXUDAS Á APICULTURA 2023

 CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 19 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da intervención sectorial apícola recollida no Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
Ámbito de aplicación e requisitos
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 4 da orde:
a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida previstas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.
Será requisito para a obtención das axudas:
1. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra daqueles que iniciasen a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o fosen antes do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida en que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data.
En caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade do titular con maior antigüidade.
2. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
3. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
4. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.
5. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002.
6. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2022 antes do día 1 de marzo de 2023.
7. Teren realizada a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) con resultado favorable antes do 1 de marzo de 2023, segundo o recollido no artigo 7.2 do Real decreto 209/2002 e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia. No que respecta á necesidade de dilixenciar o libro de rexistro, establecida no artigo 7.1 do Real decreto 209/2002, considerarase cumprida se a autoridade competente ten establecido un procedemento telemático para o rexistro da devandita documentación.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.
b) As agrupacións de apicultores/as, na medida en que os seus socios ou asociados beneficiarios das axudas cumpran os requisitos establecidos na letra a) anterior.
Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.
2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores.
Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.
De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da agrupación de apicultores/as que a inclúa como beneficiaria naquela acción que ocupe o primeiro lugar, atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 10.1 desta orde de axudas.
3. Non poderá ser considerada persoa beneficiaria unha solicitante de quen se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos no Real decreto 906/2022, tal e como se establece no artigo 62 (relativo a medidas anti-evasión) do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.