viernes, 5 de mayo de 2023

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDAS OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS PARA 2023 E 2024

 CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE

ORDE do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto:
1. Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF319B), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IF319A), e convocalas para as anualidades 2023 e 2024.
2. Aprobar os formularios normalizados para a xestión da convocatoria do ano 2023 que figuran como anexos a esta orde:
– Anexo I. Solicitude de adhesión pola entidade colaboradora.
– Anexo II. Solicitude de axuda.
– Anexo III. Autorización para a representación.
– Anexo IV. Solicitude de pagamento.
3. Publicar o convenio de colaboración para a xestión das axudas para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo V).

Persoas beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022.
Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. A tramitación do procedemento da solicitude de axuda (código de procedemento IF319B) realizarase a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na listaxe que se publique na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, https://ebici.xunta.gal
2. As entidades colaboradoras presentarán as solicitudes de axuda por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), accedendo desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou, directamente, na URL https://ebici.xunta.gal

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes da axuda comezará o 1 de xuño de 2023, ás 10.00 horas, e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.