lunes, 8 de abril de 2019

PREMIOS CAMIÑO DE SANTIAGO 2019

AXENCIA TURISMO DE GALICIA


Obxecto
Regular a concesión dos premios do Camiño de Santiago como un recoñecemento institucional e social ás actuacións realizadas nos tres últimos anos (2016 ao 2018), co obxecto de conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago; así como aqueloutras que supoñan novos servizos ou a mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, promoción e difusión, así como a posta en valor do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e do seu patrimonio. Son subvencionables:
1ª categoría: destinada a distinguir as actuacións levadas a cabo polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais, as áreas metropolitanas, se as houber, ou outras entidades locais, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia, e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago.
2ª categoría: destinada a distinguir as actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, con dúas modalidades:
a) Asociacións de ámbito nacional, con domicilio social en territorio do Estado español.
b) Asociacións de ámbito internacional, con domicilio social en calquera país estranxeiro.
3ª categoría: destinada a distinguir as actividades realizadas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativas, con dúas modalidades:
a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago, desenvolvidos por centros de investigación, universidades ou similares.
b) Os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo polos centros de ensinanza de educación non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias
a) Na primeira categoría, os concellos, as agrupacións de concellos de Galicia, mancomunidades de concellos de Galicia, consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, ou outras entidades locais de Galicia que presenten unha memoria das actuacións desenvolvidas.
b) Na segunda categoría, as asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que teñan como finalidade a promoción do Camiño de Santiago e a súa peregrinación, tanto de ámbito nacional como internacional, legalmente constituídas, e que teñan como obxectivo principal o desenvolvemento de accións relacionadas co Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea.
c) Na terceira categoría, as persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo calquera forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).
d) Na cuarta categoría, modalidade a), as universidades, centros de investigación ou investigadores independentes.
e) Na cuarta categoría, modalidade b), os centros de ensinanza non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Importe
A convocatoria realízase con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos de gastos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2019, polo importe máximo de 75.000 € que se detallan a seguir:
– Para os premios da 1ª categoría: 11.A2.761A.460.0, por un importe máximo de 20.000 €.
– Para os premios da 2ª categoría: 11.A2.761A.480.0, por un importe máximo de 20.000 €.
– Para os premios da 3ª categoría: 11.A2.761A.470.0, por un importe máximo de 20.000 €.
– Para os premios da 4ª categoría: 11.A2.761A.444.0, por un importe máximo de 15.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de aceptación ou renuncia ao premio
O prazo para a aceptación ou a renuncia ao premio será de 10 días hábiles desde a notificación da resolución da concesión.