lunes, 22 de abril de 2019

OFERTA DE PRAZAS XUVENÍS DENTRO DO PROGRAMA CAMPAÑA DE VERÁN 2019

                                                                                     CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 8 de abril de 2019 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2019 e se procede á súa convocatoria.

Obxecto
1. Para facilitar que a mocidade galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Política Social oferta a programación de actividades para o ano 2019 que se detalla no anexo I (códigos de procedemento: BS303A, BS303F, BS303G, BS303H).
As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas durante os meses de xullo, agosto e setembro.
2. A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web http://xuventude.xunta.es/

Participantes
1. Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas galegas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade.
2. En canto á idade mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2019, cómpre destacar o seguinte:
a) As persoas nacidas no ano 2001 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
b) As persoas nacidas no ano 2010 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
3. Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio e saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade no número 5.
4. Ningunha persoa participante poderá ser admitida en máis dun campamento por ano. A praza adxudicada será intransferible.
5. As persoas que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán participar nesta convocatoria cumprindo os seguintes requisitos:
a) Facer constar a súa condición na epígrafe que figura no seu impreso de solicitude, co fin de planificar os apoios persoais necesarios se os precisara.
b) Que no certificado de recoñecemento de discapacidade non se recolla a necesidade de axuda dunha terceira persoa.
c) Ter capacidade de integración nun grupo e que as súas limitacións e/ou necesidades especiais lles permitan participar e beneficiarse das actividades que se van desenvolver no destino que soliciten. A programación de actividades e as características das instalacións de cada campamento poderanse consultar na páxina web de Xuventude (http://xuventude.xunta.es/).
En función do tipo de discapacidade, poderá exceptuarse, de ser o caso, o requisito de saber nadar. Neste suposto, a persoa menor con discapacidade non poderá participar nas actividades de auga.
As persoas solicitantes con discapacidade que cumpran os requisitos sinalados deben optar, de conformidade co artigo seguinte, por unha destas dúas vías: polo procedemento xeral ou polo procedemento das prazas reservadas para inclusión, de xeito que quedarán excluídas no suposto de que presenten a solicitude por ambos os procedementos.
6. As persoas menores en situación de tutela ou garda pola Administración e que se atopen en acollemento residencial, poderán participar nesta convocatoria e deberán indicar esta condición no anexo de solicitude, marcando o recadro correspondente.
7. O incumprimento dos requisitos sinalados neste artigo impedirá a participación da persoa solicitante no campamento.

Tipos de solicitude e forma de presentación
1. As solicitudes poderán presentarse de forma individual ou múltiple e tramitaranse polo procedemento xeral ou polo procedemento de prazas para inclusión de persoas con discapacidade, de ser o caso, como se indica nos números seguintes.
2. As persoas que presenten unha solicitude individual de prazas deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo II, correspondente ao procedemento xeral (procedemento BS303A).
As persoas con discapacidade que presenten a súa solicitude individual a través do procedemento xeral poderán elixir exclusivamente as actividades detalladas no anexo I A. campamentos que se desenvolven en Galicia; polo tanto, exclúense os campamentos que teñen lugar noutras comunidades autónomas, relacionados no anexo I C.
As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo IV (procedemento BS303G).
3. As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude múltiple, tanto no procedemento xeral como no de inclusión.
A solicitude múltiple admitirase para o suposto de dous/dúas, tres e ata catro irmáns/ás. As persoas menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar tamén se poderán incluír na solicitude múltiple, equiparándose a súa situación a dos/as irmáns/as.
Esta solicitude múltiple só se poderá empregar no caso de persoas que pidan idéntica instalación, quenda e actividade (mesmo código). Todas as persoas interesadas que figuren nunha mesma instancia deben cumprir os requisitos de idade exixidos para as instalacións e quendas solicitadas.
Cando se trate dunha persoa sen discapacidade que teña irmáns/ás con discapacidade e queiran presentar unha solicitude conxunta, so o poderán facer polo procedemento xeral, para as actividades do anexo I A e en ningún caso unha persoa sen discapacidade poderá ocupar unha praza das reservadas para inclusión.
As persoas que presenten unha solicitude múltiple deben empregar o formulario que se incorpora como anexo III, correspondente ao procedemento xeral (procedemento BS303F).
As persoas con discapacidade que presenten a súa solicitude múltiple a través do procedemento xeral poderán elixir exclusivamente as actividades detalladas no anexo I A. campamentos que se desenvolven en Galicia; polo tanto, excluénse os campamentos que teñen lugar noutras Comunidades Autónomas relacionados no anexo I C.
As persoas con discapacidade que opten polo procedemento das prazas reservadas para inclusión relacionadas no anexo I B deben utilizar o formulario que se incorpora como anexo V (procedemento BS303H).
O incumprimento do disposto neste número por unha das persoas participantes suporá a exclusión de todas as que figuren nesa mesma solicitude.
Estas solicitudes teñen efecto durante o sorteo para a adxudicación da praza e para xerar as listas de espera. Non obstante, no momento das adxudicacións desde a lista de espera teranse en conta como solicitudes individuais.
4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Os impresos de solicitude deben ser cubertos de acordo coas seguintes normas:
a) Cada mozo/a só poderá cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades. Cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I, alíneas A, B e C.
b) Os datos da persoa solicitante deben ser os do/a mozo/a que opta a participar nas actividades. No caso de solicitudes múltiples, deberán cubrirse os datos de todos os/as irmáns/irmás que soliciten a súa participación.
c) As solicitudes deberanas asinar os proxenitores ou persoas titoras dos/as menores solicitantes.
d) As persoas solicitantes deben residir na Comunidade Autónoma de Galicia e polo tanto, o enderezo que se inclúa na solicitude deberá ser, necesariamente, nalgún concello de Galicia.
e) A duplicidade dunha solicitude dará lugar á non admisión de ambas, quedando a persoa solicitante fóra do sorteo.
6. Transcorrido un mes desde a publicación da orde, a persoa interesada deberá comprobar, na páxina web http://xuventude.xunta.es/, a correcta mecanización da súa solicitude, co fin de emendar os erros detectados. Nesa páxina aparecerá un enlace para consultar os datos da solicitude e o número de expediente asignado á persoa menor solicitante. Para ter acceso a estes deberase incluír o número do DNI do proxenitor ou persoa titora que cubriu a instancia, así como a data de caducidade dese DNI. Se as persoas interesadas detectan algún erro nos datos mecanizados ou non atopan a solicitude, deben chamar a calquera dos números de teléfono que aparecen no anexo VII. A comunicación dos erros deberá efectuarse, como data límite, ata tres días hábiles antes do sinalado para a realización do sorteo. Unha vez transcorrido ese día, non procederá ningunha reclamación.
7. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.