lunes, 22 de abril de 2019

USO DE INSTALACIÓNS XUVENÍS DEPENDENTES DESTA CONSELLERÍA EN RÉXIME DE OFERTA CONCERTADA DURANTE 2019


CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
A Consellería de Política Social convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a campaña de verán de 2019, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Servizos ofertados e duración das quendas
O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:
a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.
b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación, e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.
c) Xerencia e persoal de servizo.
A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I.
O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último, o xantar do último día de estadía concedido.

Entidades e grupos destinatarios
Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:
1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.
2. Os consellos locais e municipais de xuventude.
3. As corporacións locais.
4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.
5. Grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Solicitude
1. As entidades locais, outras entidades, asociacións e escolas de tempo libre presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
2. Os grupos de persoas mozas non asociadas presentarán as solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
4. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen as persoas mozas en calidade de responsables destas, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.
5. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.