martes, 18 de diciembre de 2018

CONVOCATORIA PARA SELECCIÓN DE PROXECTOS DE HUBS DE INNOVACIÓN DIXITAL

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a selección en Galicia de hubs de innovación dixital estratéxicos segundo o seu aliñamento e contribución ao avance da RIS3 Galicia. Estas bases entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócase o proceso selectivo ao abeiro destas bases (código de procedemento IN856B) (anexo I). A transformación dixital articulada a través do hub pode supoñer un importante motor para acadar o novo modelo produtivo baseado na innovación obxectivo da RIS3 Galicia.
2. A selección dun proxecto de hub non suporá á concesión de axuda directa algunha, senón o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico. Este carácter estratéxico será un requisito necesario para o acceso aos instrumentos de apoio público que se porán en marcha no futuro para fomentar o desenvolvemento dos hubs de innovación dixital en Galicia.
3. Ademais do carácter estratéxico, o acceso a estes apoios futuros estará sempre condicionado ao cumprimento dos requisitos específicos que se exixan no marco de cada instrumento concreto que se poña en marcha, así como á tramitación e á obtención dos informes preceptivos correspondentes.
Estes apoios futuros estarán orientados:
a) Á capacitación, a través de asesoramento experto, para a axeitada articulación do hub como instrumento facilitador da innovación empresarial no marco do Sistema galego de I+D+i.
b) Ao financiamento das actuacións necesarias para a posta en marcha inicial do hub.

Entidades solicitantes
A solicitude para o recoñecemento do carácter estratéxico en Galicia dun hub de innovación dixital poderá ser presentada por calquera dos seus membros promotores.
Esta entidade actuará en representación do resto, como coordinadora do proxecto, debendo aportar para xustificar esta representación unha declaración responsable asinada polo resto de entidades promotoras segundo o modelo que se inclúe como anexo IV.

Presentación de solicitudes
1. Deberá presentarse unha única solicitude para cada proxecto de hub que solicite o recoñecemento do seu carácter estratéxico para Galicia segundo estas bases reguladoras.
2. Esta solicitude deberá estar axustada aos modelos normalizados que se recollen como anexo II e ser presentada dentro do prazo sinalado en cada procedemento de selección que se convoque.

Requisitos mínimos e criterios de selección
1. Para a selección do carácter estratéxico dun proxecto de hub de innovación dixital no marco da RIS3 Galicia será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos mínimos:
a) Na agrupación que apoia ou promove o hub deberá:
– Estar incluída, como mínimo, unha entidade representante da oferta, unha da demanda e outra da transferencia. Cando por motivos de súa natureza unha mesma entidade poida representar máis dun ámbito, unicamente se computará nun deles.
– Incluírse algunha/s empresa/s tractora/s con capacidade para dinamizar a colaboración no seu ámbito e acometer con éxito o proceso necesario para levar as innovacións ao mercado (desde a fase de I+D+i ata a súa comercialización).
b) O hub deberá orientarse, como mínimo, a dúas cadeas de valor estratéxicas para Galicia no marco da RIS3 Galicia.
c) O ámbito de actuación do hub será rexional, sempre tendo en conta a súa operatividade nun contexto interrexional de colaboración.
d) O enfoque tecnolóxico dos hubs de innovación dixital debe cubrir de xeito prioritario tecnoloxías de tipo disruptivo que presenten un importante potencial para a industria galega pero cunha taxa de penetración limitada.
2. A valoración dos proxectos de hub presentados ao abeiro dos diferentes procesos de selección que se convoquen, unha vez comprobado que cumpran os requisitos mínimos anteriores, realizarase sobre un total de 100 puntos 

Obxecto
Apertura do proceso de selección en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva segundo as bases reguladoras anteriores, de proxectos de hubs galegos de innovación dixital estratéxicos segundo o seu aliñamento e contribución ao avance da RIS3 Galicia (código de procedemento IN856B).

Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes poderán ser presentadas por calquera das entidades promotoras do hub, segundo o indicado nos artigos 3 e 4 das bases reguladoras, no prazo de corenta e cinco días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Será condición imprescindible o cumprimento dos requisitos mínimos incluídos no artigo 5 das mesmas bases.
2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015); no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento do procedemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes. Considérase que todos os solicitantes dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.
Se algunha das entidades interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)
A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras para a selección de proxectos de hubs de innovación dixital que contribúan ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).