jueves, 20 de diciembre de 2018

BOLSAS DE FORMACIÓN PARA REALIZAR PRÁCTICAS EN ASUNTOS RELACIONADOS COA UNION EUROPEA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación, para persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas (código de procedemento PR770N).

Duración, modalidades e lugar de realización das bolsas
1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.
A convocatoria anual da FGE determinará a duración exacta das bolsas.
2. Modalidades e lugar de realización das bolsas.
a) Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega.
b) Bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos.
Do total de bolsas das modalidades anteriores, polo menos o 50 % estarán destinadas na oficina da FGE en Bruxelas e o resto na oficina da FGE en Santiago de Compostela.
As persoas candidatas expresarán na solicitude da convocatoria a súa preferencia polo lugar de desenvolvemento das bolsas. Esta preferencia terase en conta, sen prexuízo da potestade da FGE de valorar a idoneidade das persoas beneficiarias para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica.
c) Bolsas destinadas a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo, con destino na oficina da FGE en Bruxelas.
3. As persoas candidatas só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa.
4. En caso de vacantes nunha modalidade asignaranse a outra comenzando polas bolsas do punto 2.a) en orde decrecente.

Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa
Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar, mediante empadroamento, residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.
3. Posuír o título académico necesario ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición. Os estudos conducentes a obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis anos anteriores ao da publicación da convocatoria.
a) Para as bolsas do artigo 3.2.a) de formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega é necesario posuír un título universitario de grao, licenciado/a, enxeñeiro/a ou equivalente.
b) Para as bolsas do artigo 3.2.b) de formación en comunicación das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da participación galega en asuntos europeos, é necesario posuír un grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
c) Para as bolsas do artigo 3.2.c) para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo é necesario posuír un título de técnico superior de formación profesional na familia profesional de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).
4. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.
5. Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).
6. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluido o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.