viernes, 14 de diciembre de 2018

CONVOCATORIA PARA ACREDITACION DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS ADQUIRIDAS A TRAVÉS DA EXPERIENCIA LABORAL

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é realizar a convocatoria e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación (código do procedemento ED517B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Lugar de realización (sedes)
O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.

Requisitos de participación no procedemento
6.1. Para acceder a este procedemento, os candidatos e as candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes:
a) Posuír a nacionalidade española, atoparse incluído como residente comunitario ou familiar de este, no ámbito da aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.
b) Ter feitos, no momento de realizar a inscrición, 18 anos para as unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel 1, e 20 anos para as unidades de competencia de nivel 2 e 3.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificaranse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas, nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria, para unidades de competencia de niveis 2 e 3 e, para unidades de competencia de nivel 1, xustificarán, cando menos, 2 anos cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total.
c.2) No caso de formación, xustificaranse, polo menos, 200 horas para unidades de competencia de nivel 1 ou 300 horas para as unidades de competencia dos niveis 2 e 3, nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que se pretendan acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou realizando formación profesional para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales solicita a súa inscrición. Tampouco poderán posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/s unidade/s de competencia que solicita, nin as súas equivalentes ou a acreditación parcial das unidades de competencia que solicita. Ademais, non poderán estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicita. Para todo isto, presentarán declaración responsable que farán constar na solicitude.
6.2. As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presenten a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A comisión de coordinación recollida no artigo 5 da presente orde será a encargada de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva como solicitante na correspondente sede.

Xustificación do historial profesional e/ou formativo
7.1. A xustificación da experiencia laboral farase cos seguintes documentos:
a) Para traballadores e traballadoras asalariados.
a.1) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (vida laboral).
a.2) Contrato de traballo ou certificación da empresa en que se adquirise a experiencia laboral, que reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o período en que se realizase a devandita actividade. A certificación presentarase segundo o modelo que figura como anexo V desta orde.
b) Para traballadores e traballadoras autónomos ou por conta propia.
b.1) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente (vida laboral).
b.2) Descrición da actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que se realizou, adaptada ao modelo do anexo V.
c) Para voluntarios ou bolseiros.
Certificación da organización onde se prestou a asistencia, onde consten especificamente as actividades e as funcións realizadas, o ano en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a elas, adaptada ao modelo de anexo V.
7.2. Xustificación da formación.
Para as competencias profesionais adquiridas a través de vías non formais de formación, a xustificación realizarase mediante documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretenda acreditar.
En cada certificado achegado deberán constar os contidos e as horas de formación, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación. No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial ou certificado de profesionalidade pertencente a plans de formación extinguidos, débese presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial responsable.
7.3. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.

Presentación de solicitudes, documentación e comprobación de datos
8.1. Solicitudes.
A solicitude de participación no procedemento deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e requirirá cubrir previamente os datos na aplicación informática que se atopa no enderezo www.edu.xunta.es/acreditacion desde onde deberá xerarse o formulario normalizado.
Os datos relacionados coa documentación xustificativa do historial profesional e/ou formativo alegados e dos requisitos de participación no procedemento segundo o establecido nos artigos 6 e 7 desta orde cargaranse na dita aplicación informática.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pon á disposición das persoas solicitantes os medios técnicos e humanos suficientes no sentido do que establece o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como xustificación da obrigatoriedade de presentar as solicitudes exclusivamente por medios electrónicos. Os solicitantes que o necesiten serán asistidos en calquera centro educativo con formación profesional.
As persoas que non posúan DNI, NIE ou certificado electrónico aceptado pola sede electrónica da Xunta de Galicia, deberán xerar e imprimir a solicitude desde a aplicación informática e presentala, xunto coa documentación establecida no artigo 8.2, na secretaría do centro integrado de formación profesional (CIFP) onde se vaia desenvolver o procedemento segundo o recollido no anexo II desta orde.
Para o caso de enviarse por correo, o envío da solicitude, deberá ser certificado, co selo de Correos no encabezamento da primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia compulsada da documentación que se precise.
8.2. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Para todos os solicitantes.
– Currículo no formato Europass. Poderase xerar desde a aplicación cos datos incorporados nas pestanas de formación, experiencia e historial profesional e formativo.
– Copia dos certificados que acrediten a formación alegada, nos que consten os contidos e as horas de formación, e o organismo que a acredita.
b) Solicitantes que reúnan os requisitos pola vía da experiencia laboral.
b.1) Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores/as asalariados/as.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña, ou da mutualidade laboral en que se teña afiliación, onde consten a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación (informe de vida laboral).
– Copia dos contratos de traballo.
– Certificado da empresa en que se adquirira a experiencia laboral, no cal se reflicta especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, a actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que se teña realizado a devandita actividade segundo o modelo de anexo V.
b.2) Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial correspondente.
– Descrición da actividade desenvolvida e o intervalo de tempo en que se realizou, adaptada ao modelo do anexo V.
b.3) Solicitantes que adquiran as competencias como traballadores/as voluntarios/as ou bolseiros/as.
– Certificación da organización onde consten as actividades e as funcións realizadas, e o número total de horas, adaptada ao modelo do anexo V.
c) Solicitantes que non poidan xustificar a súa experiencia acolléndose ao artigo 6.2.
– Calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretenda demostrar e permita contrastar os requisitos.
d) Solicitantes que non posúen DNI ou NIE.
– Permiso de traballo, no caso de persoas estranxeiras, só no caso de opoñerse expresamente á consulta de residencia ou de non presentar o documento acreditativo.
– Certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario/a ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, se é o caso, copia do pasaporte en vigor (no caso de cidadáns comunitarios que non estean recollidos na situación anterior).
e) Solicitantes con discapacidade.
– Certificado acreditativo da discapacidade de non ter que ser emitido pola Xunta, no caso de solicitar algunha adaptación ou a exención de taxas.
f) Os/as solicitantes que participasen en convocatorias anteriores dentro dos últimos cinco anos e pasasen á fase de asesoramento e/ou de avaliación ou quedasen como reservas por non dispor de prazas vacantes, de participar na presente convocatoria e na mesma sede, non terán que presentar a documentación xa achegada. Tamén poderán acollerse na aplicación informática á opción de recuperar os datos cargados para actualizalos ou cargar unha solicitude de novo.
g) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das persoas solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende, a través da súa carga na aplicación informática e posterior presentación electrónica.
h) De non presentar a solicitude e documentación consonte o establecido anteriormente, as solicitudes serán excluídas do proceso de admisión.
8.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
8.4. Deberase achegar necesariamente a tradución oficial de todos os documentos que non estean redactados nas linguas galega ou castelá.
8.5. A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a exclusión do procedemento.
8.6. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o 14 de xaneiro ao 7 de febreiro de 2019, ambos os dous incluídos.
8.7. Cada participante presentará unha única solicitude. Poderá elixir unha ou varias unidades de competencia das que se convocan, sempre que estean incluídas nun mesmo ciclo formativo e se desenvolvan nunha mesma sede.
8.8. Comprobación de datos.
8.8.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia en España.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a. Discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia.
b. Situación actual de desemprego.
8.8.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente do formulario da solicitude do anexo III e achegar os documentos.
8.8.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
8.9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento que non sexan obxecto do establecido nesta orde deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.